Out 21, 2021
Este recoñecemento foi entregado onte pola tarde no Auditorio do Centro Social de Arteixo e foi recollido polo xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González, quen salientou que “este galardón é de todos os membros do equipo, liderado pola súa directora, Marta Míguez, que fan posible a San Martiño edición tras edición”
Asociación Galega de Xestión Deportiva (Agaxede) no día de onte recoñeceu a Carreira Popular do San Martiño como mellor evento, na categoría de mellor actividade e programa deportivo. Ao acto, celebrado no Auditorio do Centro Social de Arteixo, asistiu en representación do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense, o xerente do CMD, Mario González Rodríguez.
Mario González, ademais de agradecer o recoñecemento á proba deportiva máis multitudinaria da cidade, salientou a importancia do equipo que hai detrás deste evento decano das carreiras populares de Galicia, e que conta cunha das maiores participacións. “Un equipo formado por todos os traballadores do Consello Municipal de Deportes, coa imprescindible e o loable traballo de Marta Míguez (directora da carreira, que leva organizando a proba desde hai case 20 anos), Policía Local, Protección Civil e áreas do Concello colaboradoras, así como os patrocinadores e, como non, os voluntarios. É de xustiza recoñecer que sen todos eles non se podería levar a cabo este evento, polo que este galardón é de todos os que forman parte da Carreira da San Martiño, edición por edición”, recalcou o xerente do CMD, Mario González ao recoller o premio.